O procedemento de concesión


A Lei de patentes de 2015 establece un único procedemento de concesión de patentes: con “Informe sobre o Estado da Técnica” seguido dun “Exame Previo”. Posteriormente, ábrese un novo procedemento de oposición contra a concesión da patente. . Non obstante, como xa se indicou, o procedemento non garante a validez da patente —cuestión que, en caso de ser debatida, debe ser resolta nos tribunais—, a pesar de que se leva a cabo unha publicación do Informe sobre o Estado da Técnica, acompañado dunha opinión escrita, que indicará os antecedentes existentes que poidan afectar a novidade e a actividade inventiva da invención.

Para os Modelos de Utilidade, a Lei de patentes de 2015 establece un único procedemento de concesión con chamamento a oposicións antes da concesión.

Etapas do procedemento de concesión

Outorgamento da data de presentación e admisión a trámite.

O outorgamento da data de presentación da solicitude prodúcese cando se entrega a seguinte documentación:

  • Unha indicación expresa ou implícita de que os elementos están destinados a constituír unha solicitude de patente
  • Indicacións que permitan establecer a identidade do solicitante ou que permitan que a oficina estableza contacto con este
  • Unha parte que, á primeira vista, pareza constituír unha descrición presentada en calquera idioma

Co fin de obter unha data de presentación, unha referencia a unha solicitude presentada anteriormente substituirá á descrición e a calquera debuxo. A devandita referencia deberá efectuarse en castelán, no momento de presentar a solicitude. Ademais, deberase achegar a copia e, se é o caso, a tradución ao castelán da solicitude anterior.

Dentro dos dez días seguintes á recepción da solicitude de patente na OEPM, procédese a examinar se reúne os requisitos para poder outorgar unha data de presentación. Se así acontece, a data de presentación será a data inicial na que se depositou a solicitude. Se, pola contra, existen deficiencias, estas notifícanse ao solicitante e outórgase un prazo de dous meses para a súa corrección. De non o facer, a solicitude considerarase desistida. Se emenda os defectos detectados, a data de presentación queda modificada e pasa a ser a data na que presentara a nova documentación.

Cando a descrición estea redactada en idioma distinto do castelán, o solicitante deberá achegar unha tradución ao castelán que poderá presentar no prazo de dous meses dende o depósito da solicitude ou no prazo de dous meses a contar dende a data en que a OEPM efectúe o requirimento para a súa achega durante o exame de oficio, aplicando o prazo que expire máis tarde.

Ao mesmo tempo que se examinan os requisitos para obter a data de presentación, compróbase se se aboaron a taxa de depósito e a de petición do informe sobre o estado da técnica. No suposto de que non se tivesen aboado as taxas ou se tivesen aboado en contía insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo dun mes realice o aboamento correspondente. No caso contrario, a solicitude de patente considerarase desistida, pero non perderá a data de presentación outorgada.

Exame de oficio da solicitude

Unha vez adxudicada a data de presentación, procédese ao exame de oficio da solicitude conforme aos requisitos formais establecidos na lei e o seu Regulamento de execución. Se existe algún defecto, a OEPM comunícao ao solicitante para que no prazo de dous meses o emende. Se o solicitante non o fai, denégase a patente.

Realización do IET e a opinión escrita.

Posto que a taxa polo informe sobre o estado da técnica se aboa dende o inicio, a OEPM pode proceder á súa realización case de xeito inmediato. Agora ben, se a falta de claridade ou coherencia impedise realizar en todo ou en parte a elaboración do informe, notificarase ao solicitante para que emende, no prazo de dous meses, os defectos, realice as alegacións que considere oportunas ou precise o obxecto da busca; no caso contrario, denegarase a patente. Unha vez efectuado o IET, darase traslado ao solicitante do informe con indicación de como pode acceder a todos os documentos citados neste. O informe vai acompañado dunha opinión escrita, preliminar e sen compromiso, acerca de se a invención obxecto da solicitude cumpre os requisitos de patentabilidade, en particular, se, con referencia aos resultados da busca, a invención parece: ser nova, implicar actividade inventiva e ser susceptible de aplicación industrial.

Publicación da solicitude e do IET.

Unha vez transcorridos dezaoito meses dende a data de presentación (ou de prioridade, se é o caso), a OEPM pon á disposición do público a solicitude de patente, realizando o correspondente anuncio no Boletín Oficial da Propiedade Industrial (BOPI) e, simultaneamente, publica un folleto co contido íntegro da solicitude de patente xunto co IET. A opinión escrita poñerase á disposición do público.

Observacións de terceiros

A partir da publicación da solicitude de patente, e ata o momento anterior á finalización do exame substantivo, calquera persoa pode formular observacións, debidamente razoadas e documentadas, sobre a patentabilidade da invención. As observacións trasládanse ao solicitante, quen poderá realizar alegacións se o considera oportuno. É necesario destacar que as observacións non interrompen a tramitación da solicitude.

Petición do exame substantivo

A petición de exame substantivo poderá presentarse dende o momento do depósito da solicitude e ata antes de que transcorra o prazo de tres meses contados dende a publicación do informe sobre o estado da técnica. A petición non se considerará realizada ata que se efectúe o pagamento da taxa de exame. No caso de que a petición e o pagamento non se realicen no prazo prescrito, a solicitude de patente considerarase retirada.

Ata que finalice o prazo para pedir o exame substantivo, o solicitante pode presentar un novo xogo de reivindicacións modificadas, co fin de obviar as posibles obxeccións de falta de novidade e actividade inventiva que se poden deducir do IET e da opinión escrita. Débese ter en conta que a devandita modificación non pode referirse a elementos que non foran obxecto de busca e que non pode supoñer unha ampliación do contido da solicitude.

Exame substantivo e resolución.

Unha vez transcorrido o prazo para solicitar o exame substantivo, a OEPM o inicia. Se do exame non resulta a falta de ningún requisito, concederase a patente solicitada.

No suposto de que si se apreciasen motivos que impedisen en todo ou en parte a concesión da patente, comunícanse estes ao solicitante para que no prazo de dous meses conteste ás obxeccións ou modifique, se o considera oportuno, as reivindicacións. Se o solicitante non realiza ningún acto para obviar as obxeccións, a patente será denegada. Nos demais casos, a OEPM resolverá unha vez recibida a contestación do solicitante.

Agora ben, se malia as alegacións ou modificacións achegadas polo solicitante, a OEPM considera que persisten motivos que impiden en todo ou en parte a concesión da patente, comunícanse estes ao solicitante e daráselle novos prazos de dous meses para corrixir a súa solicitude ou formular alegacións.  Posteriormente, a OEPM debe resolver definitivamente sobre a concesión ou denegación da patente.

No caso de ser concedida a patente, publicarase a concesión no BOPI e emitirase un folleto coa patente tal como foi concedida. No anuncio da concesión no BOPI, incluirase a mención de que esta se realizou con exame substantivo da novidade e a actividade inventiva da invención que constitúe o seu obxecto.

Igualmente, cómpre recordar que, para que unha patente siga en vigor, ata os vinte anos a partir da data de presentación, que é a duración temporal do monopolio, o titular deberá facer fronte a unhas taxas anuais de mantemento.

Procedemento de oposición

Dentro dos seis meses seguintes á publicación da concesión, calquera persoa poderá opoñerse á concesión. A oposición debe ser motivada, acompañada dos correspondentes documentos probatorios e implica o pagamento da taxa de oposición. Os motivos de oposición poden ser:

  • a) A invención reivindicada non reúne algún dos requisitos de patentabilidade.
  • b) A súa descrición non é o suficientemente clara e completa para que un experto na materia poida executala.
  • c) O obxecto da patente concedida excede do contido da solicitude tal como foi presentada.

Unha vez admitido a trámite o escrito de oposición, comunícase ao titular da patente para que presente, no prazo de tres meses, as súas alegacións e modifique, se o considera oportuno, as reivindicacións. A OEPM traslada a cada opoñente as alegacións e propostas de modificación presentadas polo titular e concédelles un trámite de réplica de dous meses.

Unha vez recibida a réplica por parte dos opoñentes, a OEPM debe resolver estimando en todo ou en parte as oposicións presentadas, cando concorra algún dos motivos de oposición, ou desestimándoas no caso contrario. Non obstante, cando malia as modificacións ou alegacións achegadas polo titular persisten motivos que impidan en todo ou en parte o mantemento da patente, outorgarase ao titular, polo menos, un novo prazo dun mes para emendar o defecto, ou presentar novas alegacións, antes de resolver con carácter definitivo sobre a oposición formulada.

Tras o procedemento, a OEPM pode resolver revogando a patente, mantendo a concesión da patente ou mantendo a concesión da patente pero de forma modificada.