Solicitudes internacionais PCT


O procedemento PCT facilita a tramitación das solicitudes para a protección das invencións cando se desexa obter a devandita protección en varios países, establecendo un sistema polo que a presentación dunha solicitude única produce os mesmos efectos que se esta solicitude fose presentada en cada un dos países que forman parte do Tratado PCT (152 a 1 de novembro de 2018).

Con este sistema iníciase a tramitación de xeito simultáneo, a través dunha única solicitude, en gran número de países.

É importante aclarar que non se trata dun procedemento de concesión de patentes nin substitúe ás concesións nacionais, senón que é un sistema polo que se unifica a tramitación previa á concesión. Ademais, este procedemento permítelle «comprar tempo», xa que pode atrasar a súa decisión de entrar na fase nacional ata 30 meses dende a data de presentación internacional ou de prioridade, no seu caso, e manter en segredo o seu invento un mínimo de 18 meses o que pode resultarlle útil para pulsar a súa viabilidade e evitarlle gastos innecesarios.

A OEPM actúa como oficina receptora das solicitudes internacionais PCT cuxos titulares sexan españois ou residentes en España.

Os solicitantes españois teñen unha gran vantaxe, xa que a OEPM, ademais de Oficina Receptora, é Administración Internacional de Busca e Exame Preliminar Internacional, polo que os solicitantes poden realizar todas as actuacións relativas á tramitación de acordo co PCT ata a entrada na Fase Nacional (mes 30 dende a data de prioridade) en español e dun xeito accesible.

Esta vía PCT permite a solicitude electrónica (en liña), puidendo presenterse os ficheiros da descrición, reivindicacións e debuxos en formato PDF ou XML (por medio do programa PCT-Safe Editor).Dependendo da forma adoptada, aplícanse considerables descontos nas taxas de presentación, por iso a OEPM recomenda a utilización da vía electrónica.

Por outra banda, salientar que se a OEPM foi designada polo solicitante como Administración Internacional de Busca Internacional, no caso de optar posteriormente pola vía rexional europea, a Oficina Europea de Patentes realizará un desconto de 1110 ¤ sobre a taxa de busca europea.

Finalmente, a OEPM tamén é a Administración Internacional de Busca e  Exame Preliminar Internacional competente para os solicitantes dos seguintes países iberoamericanos: Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Rep. Dominicana, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá e Perú. É importante indicar que para algúns destes países, cualificados polo Banco Mundial con economía de renda baixa, media-baixa ou media-alta, a OEPM ofrece descontos do 75 % sobre a taxa de busca internacional, ademais do desconto indicado anteriormente, no caso de que o solicitante iberoamericano que designase a OEPM como Administración Internacional de Busca optase posteriormente pola vía rexional europea.