Actuacións fronte á Piratería Industrial


O rexistro dos dereitos de propiedade industrial outorga unha posición de exclusividade no uso e explotación das invencións, creacións de forma e signos distintivos.

No entanto, os dereitos de propiedade industrial son, hoxe en día, obxecto de falsificación e piratería a un ritmo cada vez maior. A piratería industrial constitúe unha ameaza de cada vez maior complexidade e extensión, debido fundamentalmente á proliferación das novas tecnoloxías. Ademais, a piratería industrial hoxe en día comprende un número cada vez máis amplo e diverso de produtos, entre os que se inclúen algúns (produtos farmacéuticos, xoguetes, partes de automóbiles, produtos electrónicos…) que poñen en grave risco a saúde, seguridade e benestar dos cidadáns.

O valor económico deste tráfico alcanza segundo o último informe da OCDE (actualización para o 2009) 250.000 millóns de dólares. En España, segundo o último informe estatístico sobre intervencións policiais neste campo (2009), os obxectos incautados alcanzaron un valor de máis de 438 millóns de euros.

Na loita contra este fenómeno resulta esencial a concienciación dos cidadáns sobre os perigos que representa, pero tamén a formación e a difusión acerca da importancia do respecto destes dereitos, que contribúen en gran medida ó crecemento económico e industrial dunha nación.