Preguntas frecuentes

Buscador de preguntas frecuentes

< Volver á lista de resultados

Resultados da procura

¿En que se diferencia unha patente dun modelo de utilidade?

Aínda que os requisitos que se piden son similares, pode dicirse que son menos estritos para os modelos de utilidade, polo que se utilizan para protexer invencións de menor rango inventivo que as patentes.Na práctica, utilízase a protección mediante modelos de utilidade para innovacións menores que quizais non satisfagan os criterios de patentabilidade.

Na maioría dos países que brindan protección mediante modelos de utilidade, as oficinas de patentes non examinan o fondo das solicitudes con anterioridade ó rexistro.Isto significa que o proceso de rexistro adoita ser considerablemente máis sinxelo e rápido e dunha duración media de seis meses.

O prazo de duración da protección por modelos de utilidade é máis curto que o das patentes e varía de país en país.En España, a duración dun modelo de utilidade é de 10 anos, fronte ós 20 anos dunha patente.

A sinxeleza do proceso e a menor duración determina que sexa máis económico obter e manter modelos de utilidade.

A lei española establece que «serán protexibles como modelos de utilidade as invencións que, sendo novas e implicando unha actividade inventiva, consistan en dar a un obxecto unha configuración, estrutura ou constitución da que se derive unha vantaxe practicamente apreciable para o seu uso ou fabricación».

Cómpre destacar que a lei indica de xeito expreso que os produtos químicos e os alimentos e os procedementos non se poden protexer mediante o modelo de utilidade.Por exemplo, un novo tipo de pintura antimofo non se pode protexer como modelo de utilidade pero si a brocha coa que se estende.

Os modelos de utilidade considéranse particularmente adaptados para as Peme que efectúen melloras "menores" en produtos existentes ou adapten estes produtos.

En xeral, os modelos de utilidade son melloras en aparatos ou ferramentas xa coñecidos, é dicir, invencións mecánicas.

< Volver á lista de resultados