< Volver á lista de resultados
De acordo co art. 44 e o art.5 da lei, non son patentables:
a) Os descubrimentos, as teorías científicas e os métodos matemáticos.
b) As obras literarias ou artísticas ou calquera outra creación estética, así como as obras científicas.
c) Os plans, regras e métodos para o exercicio de actividades intelectuais, para xogos ou para actividades económico comerciais, así como os programas de ordenadores.
d) As formas de presentar información.
e) Os métodos de tratamento cirúrxico ou terapéutico do corpo humano ou animal, nin os métodos de diagnóstico aplicados ó corpo humano ou animal.Aínda que serán patentables os produtos, especialmente as substancias ou composicións e as invencións de aparatos ou instrumentos para a posta en práctica de tales métodos.
f) As invencións cuxa publicación ou explotación sexa contraria á orde pública ou aos bos costumes.
g) Os procedementos de clonación de seres humanos.
h) Os procedementos de modificación da identidade xenética xerminal do ser humano.
i) As utilizacións de embrións humanos con fins industriais ou comerciais.
j) Os procedementos de modificación da identidade xenética dos animais que supoñan para estes sufrimentos sen utilidade médica ou veterinaria substancial para o home ou o animal, e os animais resultantes de tales procedementos.
k) As variedades vexetais e as razas animais.Non obstante, serán patentables as invencións que teñan por obxecto vexetais ou animais se a viabilidade técnica da invención non se limita a unha variedade vexetal ou unha raza animal determinada.
l) Os procedementos esencialmente biolóxicos de obtención de vexetais ou de animais.Para estes efectos consideraranse esencialmente biolóxicos aqueles procedementos que consistan integramente en fenómenos naturais como o cruzamento ou a selección.
m) O corpo humano, nos diferentes estadios da súa constitución e desenvolvemento, así como o simple descubrimento dun dos seus elementos, incluída a secuencia ou a secuencia parcial dun xene.
O disposto na alínea l) non afectará a patentabilidade das invencións cuxo obxecto sexa un procedemento microbiolóxico ou calquera outro procedemento técnico ou un produto obtido polos devanditos procedementos.
En relación coa alínea m) un elemento illado do corpo humano ou obtido doutro modo mediante un procedemento técnico, incluída a secuencia total ou parcial dun xene, poderá considerarse como unha invención patentable, aínda no caso de que a estrutura do devandito elemento sexa idéntica á dun elemento natural.
A aplicación industrial dunha secuencia total ou parcial dun xene deberá figurar explicitamente na solicitude de patente.
As obras literarias e artísticas e calquera outra obra de carácter intelectual poden depositarse no Rexistro de Propiedade Intelectual.