Preguntas frecuentes

Buscador de preguntas frecuentes

< Volver á lista de resultados

Resultados da procura

¿Que son as licenzas obrigatorias?

O titular da patente está obrigado a explotala, ben en por si ou a través dunha persoa autorizada por el, mediante a súa execución en España ou no territorio dun membro da Organización Mundial do Comercio en forma suficiente para atender a demanda nacional.

A explotación deberá realizarse dentro do prazo de catro anos dende a data de presentación da solicitude de patente, ou de tres anos dende a data en que se publique a concesión desta no "Boletín Oficial da Propiedade Industrial", con aplicación automática do prazo que expire máis tarde.

Unha vez finalizado este prazo para iniciar a explotación da invención protexida pola patente, calquera persoa poderá solicitar a concesión dunha licenza obrigatoria sobre a patente, se no momento da solicitude, e salvo escusas lexítimas, non se iniciou a explotación da patente ou non se realizaron preparativos efectivos e serios para explotar a invención obxecto da patente, ou cando a explotación desta fose interrompida durante máis de tres anos.

Ademais de por falta de explotación, o goberno pode someter, en calquera momento, unha solicitude de patente ou unha patente xa outorgada á concesión de licenzas obrigatorias, por motivo de interese público.

Considérase que existen motivos de interese público, cando a mellora ou o incremento da explotación dunha patente é de importancia primordial para a saúde pública ou para a defensa nacional.

Así mesmo, procederá a concesión de licenzas obrigatorias por necesidades da exportación cando a falta de explotación ou a insuficiencia en calidade ou en cantidade da explotación realizada implique un grave prexuízo para o desenvolvemento económico ou tecnolóxico do país.

Finalmente, prevese a concesión deste tipo de licenzas no caso de que se trate de patentes dependentes, é dicir, que non poidan ser explotadas individualmente sen explotar á súa vez o obxecto dunha patente pertencente a terceiro.

< Volver á lista de resultados