Marca Internacional


¿Que é a marca internacional?

A marca internacional encádrase nun sistema de rexistro de marcas para países que están integrados no Sistema de Madrid, e comprende dous tratados internacionais, o Arranxo de Madrid e o Protocolo de Madrid.

Non é unha marca que sexa rexistrable en todo o mundo, senón unicamente nos países integrados no Sistema de Madrid que na actualidade son 80, xa sexa formando parte do Arranxo, do Protocolo ou dos dous. Tamén pode solicitarse unha marca para protexela na Unión Europea por esta vía (ver lista de países membros na páxina da OMPI: http://www.wipo.int/madrid/es/members/index.html). Non pode utilizarse o sistema para protexer a marca noutros países non-membros.

Vantaxes do sistema

Co Sistema de Madrid conséguese a simplificación e unificación dunha serie de trámites, como serían o exame formal e a publicación, co obxecto de obter en cada un dos países designados un rexistro cos mesmos dereitos e obrigas que se se tratase dunha marca nacional.

Cunha única solicitude, nun único idioma e pagando unha única taxa en francos suízos, pódese obter protección en multitude de países (ver taxas na páxina OMPI http://www.wipo.int/madrid/es/fees). Ademais esta protección pódese ampliar posteriormente a outros países membros do sistema en calquera momento por medio dunha solicitude de extensión territorial. Cómpre salientar tamén que a marca internacional é máis doada de xestionar que varias marcas nacionais, dado que será obxecto dunha única renovación (o rexistro internacional ten unha duración de 10 anos renovable cada 10 anos) e tamén será mais doado rexistrar cambios de titularidade, representante ou limitacións nos produtos ou servizos.

En resumo, é máis sinxelo obter protección noutros países e tamén a xestión posterior desta protección.

¿Como se solicita unha marca internacional?

Poden solicitar unha marca internacional ante a OEPM as persoas físicas ou xurídicas que teñan nacionaldade española ou teñan o seu domicilio en España ou posúan un establecemento industrial ou comercial real e efectivo en España.

Para poder solicitar unha marca internacional ante a OEPM é obrigatorio ter unha marca nacional española coas seguintes particularidades:

  • para designar países parte no Protocolo, abonda unha solicitude de base española, é dicir, ter solicitada simplemente unha marca en España
  • para designar países parte no Arranxo, é necesario que a marca española estea xa rexistrada (concedida).

A marca internacional debe ter idéntico titular, idéntico distintivo e idénticos produtos ou servizos que estean incluídos entre os solicitados ou concedidos na marca nacional.

As solicitudes internacionais deben presentarse sempre a través da OEPM que é quen debe acreditar estes extremos.

A solicitude dunha marca internacional leva consigo unha taxa nacional con independencia das taxas que deben aboarse á Oficina Internacional.

Formularios da solicitude

Para presentar a solicitude de Marca internacional é necesario achegar os formularios establecidos MM1, MM2, MM3 (ver formularios na páxina OMPI http://www.wipo.int/madrid/es/forms)

Procedemento de rexistro

O procedemento de rexistro dunha marca internacional implica tres fases:

  • Unha primeira, ante a Oficina Española de Patentes e Marcas como oficina de orixe, na que se recibe a solicitude e se fai un primeiro exame formal no que se comproba que todos os datos solicitados coinciden cos da marca nacional que lle serve de base e remite a solicitude a OMPI
  • A segunda, ante a Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI), na que se fai un exame formal e se publica a marca xa con número internacional, na gaceta OMPI de Marcas Internacionais.
  • Unha terceira, ante a Oficina Nacional de cada país solicitado, que recibe a designación da OMPI, (xa que o rexistro internacional ten en cada país os mesmos efectos que unha solicitude nacional do devandito país) e que decide, conforme a súa lexislación nacional, se se ha de conceder a marca internacional.

Duración da protección

A marca internacional rexístrase por un período de 10 anos. O rexistro poderá renovarse indefinidamente por períodos sucesivos de 10 anos.

Máis información sobre a marca internacional

http://www.wipo.int/madrid/es