Licenzas de pleno dereito


O capítulo 3 do Título VIII da Lei 11/1986 de Patentes pretende fomentar a explotación das patentes mediante as licenzas de pleno dereito permitindo ós titulares de patentes e modelos de utilidade o seu ofrecemento e beneficiándose nas condicións de pagamento das taxas de mantemento.En concreto, o artigo 81.1 establece que «se o titular da patente fai un ofrecemento de licenzas de pleno dereito, declarando por escrito á Oficina Española de Patentes e Marcas que está disposto a autorizar a utilización da invención a calquera interesado, en calidade de licenzatario, reducirase á metade o importe das taxas anuais que devindique a patente despois de recibida a declaración».

O artigo 82.1 establece un procedemento polo cal «calquera que desexe utilizar a invención sobre a base do ofrecemento de licenzas de pleno dereito deberá notificarllo por triplicado á Oficina Española de Patentes e Marcas indicando a utilización que vaia facerse da invención.A Oficina enviaralle por correo certificado ó titular da patente un exemplar da notificación e o outro remitirallo ó solicitante.Ambos exemplares deberán levar o selo da Oficina e a mesma data de saída».Así mesmo, «o solicitante da licenza estará lexitimado para utilizar a invención na forma indicada por el unha semana despois da data de saída da notificación remitida pola oficina».

A lexislación tamén establece que «a falta de pacto entre as partes, a OEPM a petición escrita de calquera delas e previa audiencia destas, fixará o importe adecuado da compensación que teña que pagar o licenzatario ou modificaraa se acontecesen ou se coñecesen feitos que fagan aparecer como manifestamente inadecuado o importe establecido.Só poderá pedirse que sexa modificada a compensación establecida pola OEPM despois de transcorrido un ano dende que aquela fose fixada por última vez.Para que a petición de fixar ou modificar a compensación se considere presentada será preciso que fose aboada a taxa correspondente».

Así mesmo, disponse que a OEPM o «inscribirá no Rexistro de Patentes e dará a adecuada publicidade ós ofrecementos de licenzas de pleno dereito».Ata o momento, os medios técnicos cos que contaba a OEPM obrigaban a que a publicidade legalmente establecida se limitase á inserción no Boletín Oficial da Propiedade Industrial da Admisión do Ofrecemento de Licenza de Pleno Dereito.

O interese destes ofrecementos en tanto en canto incentivan a explotación e transferencia de tecnoloxía e o desenvolvemento das tecnoloxías da información promoveron esta iniciativa da OEPM para dar unha publicidade máis activa a aquelas patentes ás que se admitiu un ofrecemento de licenza de pleno dereito e gozan así do beneficio derivado do desconto na taxa de mantemento do 50 %.Esta publicidade concrétase na publicación na páxina web das patentes e modelos de utilidade con ofrecementos de licenzas de pleno dereito.

¿COMO SE OBTÉN A INFORMACIÓN?

En cada arquivo e en formato PDF relaciónanse:

— as patentes, tanto nacionais, cuxo número de solicitude comeza pola letra P, como europeas con validez en España, cuxo número de solicitude comeza pola letra E.

— os modelos de utilidade, cuxos números de solicitude empezan por U.

Tanto as patentes como os modelos de utilidade están ordenados por sectores técnicos que se corresponden ás Unidades Técnicas OMPI e permítese a consulta polo seu título.Se un título concreto fose de interese, pódese ler o texto completo pulsando no hipervínculo presente sobre o número de publicación en cor azul.

¿QUE CUSTO TEN A UTILIZACIÓN DESTA INFORMACIÓN?

Esta información é gratuíta.

¿PARA QUE SERVE A INFORMACIÓN OBTIDA?

A información contida nesta publicación pode servirlle para acceder a tecnoloxías dispoñibles mediante licenzas permitindo en moitas ocasións aforrar importantes esforzos en novos desenvolvementos.

Unha vez atopada unha patente ou modelo de utilidade que poida resultar de interese, é moi importante consultar os seus datos rexistrais.É posible que a patente deixase de pagar anualidades ou se producisen modificacións no seu status xurídico.Pode obter esta información de xeito gratuíto na páxina de Internet deste Organismo (www.oepm.es), accedendo a «Bancos de datos» e «Situación de expedientes» e introducindo o número de solicitude que aparece nos arquivos; tamén se pode contactar directamente a través dos datos de contacto que aparecen abaixo. 

Contactos

Información telefónica

— Fax: 91 349 55 97

— Correo electrónico: informacion@oepm.es

Máis información