Máis información


Que é a marca internacional?  

A marca internacional encádrase nun sistema de rexistro de marcas para países que están integrados no Sistema de Madrid, e comprende dous tratados internacionais o Acordo de Madrid e o Protocolo de Madrid.

Non é unha marca que sexa rexistrable en todo o mundo, senón unicamente nos países integrados no Sistema de Madrid que na actualidade (marzo 2017) son 98, ben formando parte do Acordo e do Protocolo ou só do Protocolo. Tamén pode solicitarse unha marca para protexela na Unión Europea por esta vía (ver lista de países membros na páxina da OMPI) http://www.wipo.int/madrid/es/members/index.html)

Non pode utilizarse o sistema para protexer a marca noutros países non-membros.

Vantaxes do sistema  

Co Sistema de Madrid conséguese a simplificación e unificación dunha serie de trámites, como serían o exame formal e a publicación, co obxecto de obter en cada un dos países designados un rexistro cos mesmos dereitos e obrigas que se se tratase dunha marca nacional.

Cunha única solicitude, nun único idioma e pagando unha única taxa en francos suízos, pódese obter protección en multitude de países (ver taxas na páxina OMPI http://www.wipo.int/madrid/es/fees)

Ademais, esta protección pódese ampliar posteriormente a outros países membros do sistema en calquera momento por medio dunha solicitude de extensión territorial. Cómpre salientar tamén que a marca internacional é máis doada de xestionar que varias marcas nacionais, dado que será obxecto dunha única renovación (o rexistro internacional ten unha duración de 10 anos renovable cada 10 anos) e tamén será mais doado rexistrar cambios de titularidade, representante ou limitacións nos produtos ou servizos.

En resumo, é máis sinxelo obter protección noutros países e tamén a xestión posterior desta protección.

Como se solicita unha marca internacional?  

Poden solicitar unha marca internacional ante a OEPM as persoas físicas ou xurídicas que teñan nacionalidade española ou teñan o seu domicilio en España ou posúan un establecemento industrial ou comercial real e efectivo en España.

Para poder solicitar unha marca internacional ante a OEPM, é obrigatorio ter un rexistro de marca nacional ou ben ter presentada unha solicitude de marca nacional española.

A marca internacional debe ter idéntico titular, idéntico distintivo e idénticos produtos ou servizos que estean incluídos entre os solicitados ou concedidos na marca nacional.

As solicitudes internacionais baseadas nunha marca nacional española deben presentarse sempre a través da OEPM, que é a única competente para acreditar estes extremos.

A solicitude dunha marca internacional implica unha taxa nacional con independencia das taxas que deben aboarse á Oficina Internacional.

Procedemento de rexistro  

O procedemento de rexistro dunha marca internacional implica tres fases:

  • Unha primeira, ante a Oficina Española de Patentes e Marcas como oficina de orixe, na que se recibe a solicitude e se realiza un primeiro exame formal no que se comproba que todos os datos solicitados coinciden cos da marca nacional que lle serve de base. A Oficina Española de Patentes e Marcas remite a solicitude á OMPI.
  • A segunda, ante a Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI), na que se fai un exame formal e se publica a marca, xa con número internacional, na gaceta OMPI de Marcas Internacionais.
  • Unha terceira, ante a Oficina Nacional de cada país solicitado, que recibe a designación da OMPI, (xa que o rexistro internacional ten en cada país os mesmos efectos que unha solicitude nacional do devandito país) e decide, conforme a súa lexislación nacional, se se ha de conceder ou non a marca internacional con designación nese país.

Duración da protección  

A marca internacional rexístrase por un período de 10 anos. O rexistro poderá renovarse indefinidamente por períodos sucesivos de 10 anos.

Máis información sobre a marca internacional