Advertencia respecto ao ofrecemento de determinados servizos legais para xestión de renovacións de marcas ante a OEPM.


En relación coa consulta recibida na Oficina Española de Patentes e Marcas sobre unha carta con ofrecemento de supostos servizos legais para xestión de renovacións de marcas ante a OEPM, na que figura, entre outros, o logo e denominación oficial deste organismo, motivo que pode inducir a confusión sobre a existencia dalgún tipo de relación entre a OEPM e o contido da devandita carta, a OEPM informa o seguinte:

Na páxina web do organismo, www.oepm.es > Signos distintivos > Marcas nacionais > Máis información > Compromiso de prazos de tramitación e de resolución dos signos distintivos > "Aviso da finalización da vida legal da marca ou nome comercial respecto á súa posible renovación" encóntrase publicada a seguinte información:

“A Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) avisa os titulares (ou os seus representantes se os houber) de rexistros de marca ou nome comercial da finalización da súa vida legal, para que, se o desexan, poidan solicitar a súa renovación. Este aviso, con efectos meramente informativos, está cursado pola OEPM entre o 6º e o 5º mes anterior á finalización da vida legal do rexistro do que se trate. O aviso non se cursa con máis antelación para evitar que se produzan solicitudes de renovación fóra de prazo por anticipación que exceda dos prazos legais, xa que, por imperativo da Lei de marcas, non se poderá admitir unha solicitude de renovación depositada con anterioridade aos 6 meses que preceden á finalización da vida legal do rexistro.

No caso de que se avise ao titular, ao non constar representante, se non o recibe é probable que se deba a un cambio de domicilio que o titular non comunicou á OEPM.  

Este aviso de finalización da vida legal efectúase, ao igual que o resto de comunicacións da OEPM, mediante documento debidamente identificado co escudo institucional, nome do departamento ministerial ao que se encontra adscrita (Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo) e logo e denominación oficial da OEPM.

Calquera comunicación da Oficina Española de Patentes e Marcas, tanto a de contido informativo (avisos de renovacións ou de pagamento de mantemento de dereitos, escritos que informan das distintas modalidades de propiedade industrial, á solicitude previa do cidadán) como a derivada dun procedemento administrativo, implica, como se indicou, a identificación oficial do organismo e é realizada directamente polos seus propios medios materiais e profesionais, sen intervención ningunha de terceiros, polo que non ten ningunha vinculación coa persoa responsable da carta obxecto de consulta.

Para calquera dúbida ou aclaración que se precise sobre a situación xurídica dun dereito de propiedade industrial, a OEPM pon á disposición do interesado as seguintes vías de información: servizo de atención telefónica 902 15 75 30, consulta ao enderezo informacion@oepm.es, así como presencialmente na sede do organismo (Paseo de la Castellana 75-28071 Madrid).