Recomendacións antes de solicitar unha Patente Nacional


  • É recomendable utilizar os formularios normalizados dispoñibles nesta páxina web, no apartado “Inicio/Utilidades/Formularios”. 
  • Para evitar empregar esforzo e diñeiro en algo que xa está inventado, é conveniente coñecer o Estado da Técnica. Para iso, recoméndase realizar unha procura previa no campo técnico da invención. 

Esta procura pódese realizar: 

    • De forma gratuíta, facendo uso das Bases de Datos de invencións, dispoñibles tanto en español como noutros idiomas. No apartado da Web “Información Tecnolóxica/Procuras gratuítas na Internet” atopará información detallada sobre como realizar paso a paso estas procuras. 
    • Solicitando, previo pagamento de taxa, un Informe Tecnolóxico de Patentes (ITP). Neste caso, un técnico da OEPM realizará unha procura previa de documentos de patente e de literatura científica que se publicaron a nivel mundial e analizará a súa relación coa información achegada polo solicitante (posible solicitude de patente ou de modelo de utilidade, proxecto de investigación e/ou desenvolvemento, cuestión técnica determinada, etc). 

Lembre que unha invención é patentable cando é nova, implica actividade inventiva e ten aplicación industrial. A novidade esíxese a nivel mundial, polo que unha procura soamente en bases de datos nacionais resulta insuficiente. Por outra banda, é necesario comprobar que a súa invención non está excluída de protección por patente segundo a lexislación vixente (art. 4 e 5 LP) (ex.: descubrimentos, variedades vexetais...). 

  • Evite a divulgación previa do invento ou publicación algunha que o describa, xa que afectaría á novidade e á validez da patente que poida solicitar. 
  • Avalíe cal vai ser o mercado no que desexa explotar a súa invención en exclusiva, decidindo que tipo de protección sería máis conveniente en cada caso en función da extensión do devandito mercado (ámbito nacional, europeo ou mundial). En función da decisión que tome, poderá elixir a modalidade que máis se adapte: patente nacional ou modelo de utilidade, patente europea ou solicitude internacional PCT. Pode ser recomendable presentar en primeiro lugar unha solicitude nacional. Coa presentación da mesma obtense un dereito de prioridade de doce meses que lle permitirá dilatar a decisión de estender a protección a outros ámbitos xeográficos. 
  • Antes de presentar a solicitude comprobe se pode ser beneficiario dalgunha das axudas ou exencións previstas pola lexislación vixente (para máis información, consulte o apartado da web “Axudas e Subvencións”. 
  • A redacción da solicitude de patentes é fundamental para protexer correctamente a súa invención. En especial, as reivindicacións que recollen o obxecto para o que se solicita a protección. Existen profesionais especializados na redacción e tramitación de solicitudes de patente, os Axentes da Propiedade Industrial. Se o desexa, pode consultar a listaxe de Axentes no apartado “Propiedade Industrial/Axentes da propiedade industrial”. 
  • A OEPM pon á súa disposición un servizo de Examinador de Garda, onde poderá expor posibles dúbidas en relación a todo o exposto anteriormente. 
  • Se desexa unha tramitación acelerada da súa solicitude, pode solicitar a aplicación do Programa de Concesión Acelerada de Patentes.