Preguntas frecuentes

Buscador de preguntas frecuentes

< Volver á lista de resultados

Resultados da procura

Que é o dereito de Prioridade?

A finais do século XIX coincidindo co desenvolvemento industrial e o comezo da globalización, os países europeos reúnense para a creación de normas internacionais que regulen as relacións comerciais dando lugar ao que se coñece como o CONVENIO DA UNIÓN DE PARÍS (CUP), no que se establecen unha serie de principios xerais aplicables á Propiedade Industrial, como son o de Territorialidade e o de Prioridade.

O principio de Territorialidade supón que non existan dereitos de Propiedade Industrial "mundiais", é dicir, cada país é o responsable de outorgar estes dereitos no seu territorio e esixirá o que a súa lexislación estableza. Un dos requisitos esixidos de maneira xeral en todos os países é o de "novidade".

Iso supón que se por exemplo unha empresa rexistra en España unha patente o 23 de outubro 2008, e decide despois ir aos Estados Unidos, nese país poderían indicarlle que a súa solicitude de patente carece de novidade posto que xa hai unha solicitude noutro país (España) sobre o mesmo tema.

A presentación da solicitude dun dereito de Propiedade Industrial nun país membro do Convenio (CUP) dá lugar ao nacemento dun Dereito de Prioridade. Na práctica, o dereito de prioridade tradúcese no outorgamento dun prazo durante o cal, se se presentase unha segunda solicitude idéntica nun país do CUP sería posible recoñecer a ambas as dúas, para todos os efectos, a data de presentación da primeira solicitude.

O período para poder exercer este dereito varía segundo a modalidade de Propiedade Industrial:

- 12 meses para Patentes

- 6 meses para Marcas e Deseños Industriais

Este prazo aplícase a partir da data de solicitude inicial.

No caso formulado disporíase ata o 23 de outubro do 2009 para realizar a solicitude nos Estados Unidos ou calquera outro país membro do CUP.

Se este prazo se supera e faise a solicitude de patentes despois do 23 de outubro de 2009, non se podería reivindicar o dereito de prioridade e para os efectos prácticos, a solicitude de patente nos Estados Unidos non sería nova, aínda que fose do mesmo titular.

< Volver á lista de resultados