Clasificación Internacional de Produtos e Servizos (Clasificación de Niza)


Que é a Clasificación de Niza?

A Clasificación de Niza é unha clasificación dos produtos e servizos para o rexistro das marcas de fábrica ou de comercio e as marcas de servizos. O solicitante español debe indicar a clase ou clases para as que solicita a marca, no momento da solicitude.

Orixe da Clasificación de Niza

A Clasificación de Niza baséase nun tratado multilateral administrado pola OMPI, que se denomina o Acordo de Niza relativo á Clasificación Internacional de Produtos e Servizos para o Rexistro das Marcas, concertado en 1957. Esta Clasificación coñécese comunmente como a Clasificación de Niza. O Acordo de Niza está aberto aos Estados parte no Convenio de París para a Protección da Propiedade Industrial.

Utilización da Clasificación de Niza

A utilización da Clasificación de Niza polas oficinas nacionais permite a presentación de solicitudes facendo referencia a un só sistema de clasificación. Con iso, a preparación de solicitudes simplifícase considerablemente, xa que os produtos e servizos aos que se aplica unha marca dada estarán clasificados do mesmo xeito en todos os países que a adoptasen. Ademais, o feito de que a Clasificación de Niza exista en varios idiomas aforra aos solicitantes unha cantidade considerable de traballo no momento en que deben presentar unha lista de produtos e servizos nun idioma diferente ao do país de orixe da marca.

A enero de 2019 eran Partes Contratantes 85 Estados. Estes adoptaron e aplican a Clasificación de Niza para o rexistro das marcas. Ademais, tamén utilizan a Clasificación de Niza as oficinas de marcas de máis de 90 países, tres organizacións e a Oficina Internacional da OMPI.

Estrutura da Clasificación de Niza

A Clasificación de Niza está composta dunha lista de clases, acompañada de notas explicativas e dunha lista alfabética de produtos e outra de servizos, que indican a clase á que pertence cada un dos produtos ou servizos. O encabezamento de clase describe en termos moi xerais a natureza dos produtos ou servizos contidos en cada unha das 34 clases de produtos e once clases de servizos. Van acompañadas, cando sexa axeitado, de notas explicativas que describen en maior detalle o tipo de produto ou servizo incluído na clase correspondente. A lista alfabética é unha listaxe dos produtos e servizos en orde alfabética. Contén ao redor de 10.000 partidas relativas a produtos e 1.000 partidas relativas a servizos.

Actualización

Para poder manter a Clasificación de Niza ao día, revísase continuamente e cada cinco anos publícanse novas edicións. A actual (undécima) edición está en vigor dende o domingo, 1 de xaneiro de 2017. A revisión está a cargo dun comité de expertos convocado no marco do Acordo de Niza. Todos os Estados que forman parte do acordo son membros do comité de expertos.