Que é e para que serve unha marca?


A marca é o signo que distingue no mercado os produtos ou servizos dunha empresa, ben sexa de carácter individual ou de carácter social.

A marca é un signo distintivo. A súa función é a de diferenciar e individualizar no mercado uns produtos ou servizos doutros produtos ou servizos idénticos ou similares, así como identificar a súa orixe empresarial e, en certo xeito, ser un indicador de calidade e un medio de promoción de vendas.

A marca é, pois, o signo distintivo usado polo empresario para diferenciar no mercado os seus produtos ou servizos dos produtos ou servizos dos competidores.

Xunto á marca propiamente dita ou marca individual, a Lei regula a marca colectiva e a marca de garantía. A marca colectiva é aquela que serve para distinguir no mercado os produtos ou servizos dos membros dunha asociación de fabricantes, comerciantes ou provedores de servizos. O titular desta marca é a devandita asociación.

A marca de garantía é aquela que garante ou certifica que os produtos ou servizos aos que se aplica cumpren uns requisitos comúns, en especial, no relativo á súa calidade, compoñentes, orixe xeográfica, condicións técnicas, modo de elaboración do produto, etc. Esta marca non pode ser utilizada polo seu titular, senón por terceiros a quen este autorice, tras controlar e avaliar que os produtos ou servizos deste terceiro cumpren os requisitos que a devandita marca garante ou certifica.

Tanto a marca colectiva coma a de garantía esixen para ser rexistradas que se acompañe a solicitude de rexistro do correspondente regulamento de uso.