Que é un nome de dominio


Un nome de dominio é un identificador usado en Internet para localizar unha máquina ou grupo de máquinas na Rede.

As máquinas en Internet identifícanse mediante un número único chamado "enderezo IP" (por exemplo, 194.69.254.2). Os enderezos IP non son intuitivos nin sinxelos de recordar, polo que é necesario crear unha entidade que, dun xeito máis intuitivo, nos permita recordar unha máquina ou grupo de máquinas que proporcionan servizos de Internet (web, correo, FTP...).

Por que ter un dominio?

Un dominio permite a unha persoa ou empresa ter presenza en Internet e que sexa posible o correspondente acceso dende calquera punto da rede. O dominio convértese no nome de referencia dunha determinada persoa ou empresa en Internet; así mesmo, dende este dominio pódense articular todos os servizos que o usuario desexe (web, correo, FTP,… ).

Que son os "Top levels domains" (Dominios de primeiro nivel)?

Un Top Level Domain (TLD) é o máis alto nivel de categorización dun nome en Internet. Dentro do sistema de nomes de dominio en Internet, o primeiro nivel ocupa o elo máis alto dentro da xerarquía que ofrece a rede.

Que tipos de "Top levels domains" (Dominios de primeiro nivel) existen?

Existen dous tipos de "Top levels domains" (Dominios de primeiro nivel), os dominios xenéricos, que non teñen ningunha vinculación territorial, os máis coñecidos son ".com", ".org", ".net" e ".edu".

Os dominios territoriais ou chamados ccTLD son os correspondentes aos códigos territoriais de cada país (como por exemplo ".es", ".fr", ".uk", ".pt"...). Estes dominios están xestionados pola autoridade de asignación de cada país, que establece a normativa para a asignación libremente.

Que diferenza existe entre un dominio ".com" e ".es"?

Os nomes de dominio rexistrados baixo ".com" e ".es" son nomes de segundo nivel; ".com" é un Top Level Domain ou dominio de primeiro nivel xenérico; de igual forma ".es" é un domino de primeiro nivel pero, en vez de xenérico, é territorial. A diferenza básica é respecto á normativa e autoridade de asignación. Os dominios ".com", igual que outros dominios xenéricos (".net", ".org", ".info" ou ".biz"), concédense internacionalmente por diferentes rexistradores distribuídos por todo o mundo e existen moi poucas regras de asignación.

Os dominios ".es" son asignados pola autoridade de asignación española Red.es e é imprescindible a vinculación do solicitante con España. Existen unhas regras que garanten a seguridade na asignación, co que se evita a ocupación de dominios con fins especulativos e, polo tanto, se proporciona unha maior seguridade ao usuario.