Ministerio de Industria, Turismo y Comercio LogoMinisterior
 

Preguntas frecuentes invencións

Mediante análises estatísticas demostrouse que o número de patentes cun valor moi alto é relativamente pequeno e que o diferencial de valor varía dun país a outro.

No 2005, un estudo de PatVal-UEy estimou o valor económico das patentes recompilando datos sobre máis de 9000 patentes, entre outros o seu valor e un amplo conxunto de características que describían o contexto da invención. O estudo estimou que só o 7,2 % das patentes da mostra valía máis de dez millóns de euros cada unha, mentres que o 68 % valía menos dun millón de euros.

Os métodos de taxación de patentes a efectos empresariais poden dividirse en dous grupos, cuantitativos e cualitativos. Os métodos cuantitativos de valoración de patentes ou de carteiras de patentes pretenden calcular o valor monetario da patente. Divídense en tres categorías básicas:

1. Método de custo: A teoría do custo atende ós custos que serían necesarios para desenvolver e patentar unha invención similar, ben dentro da mesma empresa, ben externamente. Este método adóitase usar na contabilidade ou rexistro de libros contables.

2. Método de mercado: Os métodos baseados no mercado valoran as patentes mediante a súa comparación cos prezos alcanzados en operacións recentes comparables. Estes métodos necesitan dun mercado activo, un intercambio comparable de PI entre dúas partes independentes e suficiente acceso á información sobre o prezo da operación.

3. Método de ingresos: Os métodos baseados nos ingresos miden os ingresos potenciais que se poden derivar dunha patente; o cálculo do valor actual da patente sobre a base dunha estimación dos ingresos futuros (menos os xuros).

Os tres métodos presentan vantaxes e inconvenientes, daquela debe decidirse caso por caso cal é o máis axeitado. Polo tanto, sempre é boa idea dispor de asesoramento xurídico e profesional. Velaquí unha visión xeral das vantaxes e inconvenientes dos tres métodos:

 

Vantaxes

Inconvenientes

Método de custo

a patente faise visible nos libros da sociedade e increméntase o recoñecemento da patente.

- un indicador útil do valor da patente para aquelas patentes cuxos beneficios futuros aínda non son evidentes

- non hai unha correlación directa entre o custo de desenvolvemento e os ingresos futuros das patentes

- non se teñen en conta os ingresos futuros que xerarán as patentes

- o método de custos pode fomentar un gasto excesivo

Método de mercado

- é un método de taxación relativamente sinxelo

- é útil para comprobar a validez doutros métodos

- limitado a mercados formais de PI

- a información de prezos relevante polo xeral non é pública

- a singularidade dos PI fai difícil a comparación.

Método de ingresos

- relativamente sinxelo

- os datos necesarios é probable que estean dispoñibles nas contas anuais da sociedade e na información do mercado; pódense identificar ou estimar os fluxos de efectivo.

- pode resultar un método incerto e suxeito á hipóteses subxectivas

- é necesario estimar tanto os fluxos de efectivo incertos como os distantes, así como o tipo de desconto.

Precísanse distintos enfoques da taxación en función do destinatario, por exemplo, posibles investidores, xerentes internos, etcétera.

O método que prefiren a maioría das sociedades é o método dos ingresos.

A taxación cuantitativa só nos dá unha indicación do valor monetario estimado da patente, e este método con frecuencia resulta insuficiente para extraer recomendacións para as decisións de estratexia empresarial. A taxación cualitativa vai máis aló ó identificar as fortalezas e debilidades da patente e crear unha guía de valor mediante a clasificación e as puntuacións obtidas en distintos factores relativos á patente.

Por exemplo: Mentres o resultado dunha valoración cuantitativa pode ser: «A patente vale 50 000 €», o resultado dunha valoración cualitativa podería ser: «A patente protexe unha tecnoloxía de importancia estratéxica nun mercado atractivo; pode facerse valer con eficacia, pero aínda se necesita un investimento significativo».

Os métodos de taxación cualitativa úsanse con menor frecuencia na xestión interna das patentes. Son os máis útiles á hora de comparar, categorizar e clasificar patentes dentro dunha carteira ou fronte ás patentes dun competidor. Tamén resultan útiles para valorar os riscos e as oportunidades que presenta a patente.

A OEPM non realiza taxacións de patentes á medida. Non obstante, a OEPM pode asesorar os usuarios e orientalos en canto ás ferramentas máis adecuadas para que poidan realizar a taxación das súas patentes ou carteiras de patentes.

Estea atento ás xornadas, cursos e seminarios sobre xestión e valoración de patentes que, organizados por diversas entidades, se anuncian puntualmente na páxina web da OEPM (www.oepm.es).

A Oficina Europea de Patentes (OEP) realiza seminarios virtuais sobre taxación de patentes e xestión de carteiras de patentes. As datas destes seminarios pódense consultar no calendario de eventos da OEP.