Ministerio de Industria, Turismo y Comercio LogoMinisterior
 

Preguntas frecuentes marcas e nomes comerciais

A marca e o nome comercial son signos distintivos que se protexen mediante títulos outorgados polo Estado e que confiren ao seu titular o dereito exclusivo de utilizalos no tráfico económico, e impedir a outros a utilización en España dos signos distintivos protexidos ou outros idénticos ou similares aplicados a produtos ou servizos idénticos ou semellantes.

A marca é un signo que permite aos empresarios distinguir os seus produtos ou servizos fronte aos produtos ou servizos dos competidores.

O nome comercial é o signo ou denominación que identifica unha empresa no tráfico mercantil e que serve para identificala, individualizala e distinguila das demais empresas que desenvolven actividades idénticas ou similares.

A denominación social é o nome que identifica a unha persoa xurídica no tráfico mercantil como suxeito de relacións xurídicas e, polo tanto, susceptible de dereitos e obrigas.

O nome comercial non ten que coincidir coa denominación social e, polo tanto, pode elixirse un nome comercial diferente da denominación social. Unha mesma persoa natural ou xurídica pode ter, se o desexa, varios nomes comerciais para identificar actividades empresariais pertencentes a diferentes sectores do tráfico económico.

Así, un fabricante de pantalóns rexistraría como nome comercial o que utilice nas súas actividades empresariais de fabricante e que sirva para diferencialo doutros empresarios. A súa denominación social é a que debe empregar, por exemplo, para asinar contratos ou dar de alta traballadores na Seguridade Social. O signo ou nome con que comercialice eses pantalóns será a marca do produto. Todos estes signos poden ser, a elección do empresario, iguais ou diferentes, segundo a súa conveniencia.

Nun símil coa persoa física a denominación social sería o "nome civil" da persoa física e o nome comercial sería o "nome artístico" co que a devandita persoa se presenta aos seus clientes no mercado.

As marcas e nomes comerciais inscríbense na Oficina Española de Patentes e Marcas, as denominacións sociais, no Rexistro Mercantil Central.

A marca é un signo que serve para distinguir produtos ou servizos no mercado.

O nome comercial non representa un produto ou servizo e serve para identificar as actividades que desenvolve unha empresa no tráfico mercantil e diferenciala do resto de empresas do mesmo ou diferente sector.

A marca é o signo distintivo por excelencia e pode estenderse internacionalmente por procedementos establecidos vía o procedemento de rexistro da marca internacional ou o da marca europea/comunitaria. En cambio, isto non é posible no nome comercial, que só podería protexerse país por país e de acordo coas normas nacionais de cada Estado.

 

A marca é un signo que serve para distinguir produtos ou servizos e que pode incluír formas bidimensionais e tridimensionais. O deseño industrial é un dereito de exclusiva que se outorga sobre a aparencia externa dun produto e que ten requisitos distintos á marca. Son susceptibles de protección as formas bidimensionais (por exemplo, o estampado dunha gravata) e as tridimensionais (por exemplo, a forma dunha maleta, a carrozaría dun coche).

É o enderezo dunha empresa, organización, asociación ou persoa en Internet e permite que a súa información, os seus produtos e/ou servizos sexan accesibles en todo o mundo a través da rede.

Ten unha dobre utilidade:

- É o seu identificador en Internet que serve para identificar a súa empresa ou as marcas dos seus produtos e servizos na rede.

- É o seu enderezo na rede e é a forma máis doada, rápida e intuitiva para localizar un sitio en Internet.

Existen tres niveis de dominios de Internet:

- dominios de primeiro nivel: son os que rematan en com, gob, edu e org (entre outros) e son asignados por institucións designadas polo ICANN. O rexistro de nomes de dominio baixo .com, .org e .net non está sometido a ningún tipo de comprobación previa, asígnanse seguindo o principio de "primeiro en chegar, primeiro servido".

- os nomes de dominio de segundo nivel son os que identifican o país. En España corresponde a Red.es a asignación destes dominios, que se outorgan (se cumpre os requisitos) ao primeiro que o solicita. Non poderán ser obxecto de solicitude como nomes de dominio aqueles que foran previamente asignados. Tamén teñen que cumprir con normas de sintaxe e non poden incluír termos reservados recollidos nunha serie de listas (termos de Internet e termos relativos a institucións nacionais ou internacionais), tal e como dispón a normativa correspondente.

- Tamén corresponde a RED.es a asignación de dominios de terceiro nivel: “.com.es”, “.nom.es”, “.org.es”, “.gob.es” e “.edu.es”. Estes nomes de dominio de terceiro nivel asignaranse atendendo a un criterio de prioridade temporal na solicitude. Non poderán ser obxecto de solicitude os nomes de dominio que foran asignados previamente. Na asignación de nomes de dominio cos indicativos ".gob.es" e ".edu.es" verificarase con carácter previo á súa asignación o cumprimento dos requisitos de lexitimación contidos na normativa vixente, así como o cumprimento das normas de sintaxe. Os nomes de dominio de terceiro nivel baixo os indicativos ".com.es", ".nom.es", ".org.es", tamén teñen que cumprir con normas de sintaxe e non poden incluír termos reservados recollidos nunha serie de listas (termos de Internet e termos relativos a institucións nacionais ou internacionais), tal e como dispón a normativa correspondente.